jueves, 25 de marzo de 2010

Co galego, sempre

O galego veuse mantendo polo uso das familias e do pobo en xeral nas súas relacións cotiáns. Os cambios do campo a cidade, a sangría da emigración, a escolarización en castelán con contidos alleos, a desvalorización de Galiza e do propio, o mantemento, a acentuación da discriminación e represión do galego como idioma polo réxime franquista. A todo isto hai que engadir a enorme presión dos medios de comunicación dende o século pasado, principalmente o cinema a partir dos 40, a radio nos 50, e a televisión, nos 60, que actúan como auténticos impositores lingüísticos do castelán e de realidades alleas, teñen feito moito dano a lingua galega.

A defensa do galego efectuada pola intelectualidade e a sociedade comprometida impediu un dano maior. Malia a todo, e aínda que ten habido algún retroceso, as familias seguen a manter a lingua propia. Non podemos esquecer que o cerne dunha sociedade son as familias, a familia é unidade social, así está recoñecida na filosofía e mesmo na política. Xerar unha disputa familiar, con motivo da elección no ensino infantil entre dúas linguas irmáns -galego e castelán- é un claro atentado, tan noxento como un acto de barbarie.

A liberdade de elixir a lingua do ensino na educación infantil pretendida polo PP en Galicia é unha enorme mentira con apariencia democrática. Unha vez de concedido o dereito de elección de lingua as familias, utilizase este dereito para impoñer “no seu nome” -nunha clara perversión democrática- unha lingua sobre outra, ao resto . A decisión vai ser por maioría simple, é dicir, a metade mais un dos participantes na consulta, como pasará en primaria de 4 a 6 anos en que 13 familias impoñerán a lingua do ensino ás outras 12. Así, socialmente pretendese que as familias “maioritarias” aparezan como os impositores da lingua de educación dos fillos das familias “minoritarias”. A discordia e o enfrontamento están servidos.

Algo estaba a mudar co bipartito, PSOE e BNG, coa creación das galescolas e seu proxecto educativo, e o decreto -desenvolvedor da normalización lingüística- do galego no ensino. Estábase a fomentar o uso do idioma propio na infancia, facendo un apoio as familias, que por diversas cuestións, tiñan abandonado, ou minorizado o uso da lingua galega. As galescolas estaban chamadas a manter a influencia no mantemento da lingua que tiñan perdido as familias.

O disfrace “democrático” da consulta ás familias na educación infantil, agacha unha actitude autoritaria de querer impedir que os nosos fillos e fillas aprendan en galego. Nun espazo dominado polo castelán, non fai ningún mal que eles aprendan as primeiras verbas, nin que adquiran o coñecemento de ler e escribir en galego, e que pola contra resulta moi beneficiosa para a súa educación.

Quen dende unha postura acomplexada, sectaria, antidemocrática, reivindican o castelán fronte o galego, tiveron claro que tiñan que destruír: a educación infantil en galego, o primeiro paso foi a supresión das “galescolas” e o seu proxecto educativo (deica ós 3 anos), agora rematase coa desvalorización do galego no seguinte ciclo de infantil (de 3 a 6 anos). Retirarlle o dereito ás crianzas a recibir a primeira educación en galego, como queren facer o impositores do castelán e os gobernantes do PP, vai na intención de -a medio prazo- agudizar o proceso exterminador da nosa lingua.

Mais a sociedade galega vai dar resposta, e está a traballar en artellala. Milleiros de persoas están dispostas ao día de hoxe a facer unha achega económica e social para que se faga unha rede de novas galescolas, que permitan no futuro a educación infantil en galego, en favor de toda a sociedade, a galega falante e por suposto a castelán falante.

Máis información en: Galiza co galego http://limiargalego.blogspot.com
Francisco de Limiar

No hay comentarios:

Publicar un comentario