Entrevista: Francisco López, membro da plataforma Galiza co Galego: ''O noso forte non é reivindicar; nós queremos facer ensino en galego''

Editada en Galiciae

09/12/2009 - Xema Aguiar. AGN
Os impulsores do movemento Galiza co Galego levan meses traballando na idea de promover a creación dunha rede popular privada de ensino en galego e acaban de constuírse formalmente para intentar facela posible. Un dos seus integrantes, Francisco López, subliña que o obxectivo non é reivindicar, senón facer, e para iso aspiran a seguir sumando apoios e reunir entre todos os recursos económicos precisos para que quen queira poida facer ensino en galego.

Pregunta: Levan traballando desde abril. Como xurdiu a idea de crear o movemento?

Resposta: Xurdiu dun debate de xente, de persoas individuais. Hai unha vontade de facer ensino en galego, porque nos parece moi negativo que os rapaces vaian á escola aos tres anos falando galego e nun ano perdan totalmente a lingua. Elaborouse unha proposta con nove puntos e a partir deles púxose en marcha a iniciativa. Viuse se había xente á que lle parecían ben as ideas e resulta que hai xa 785 persoas adheridas á plataforma.

O 17 de maio fixemos unha xestora do movemento e agora organizámolo. Se se acada o obxectivo, con 3.000 persoas pódese poñer en marcha unha rede de ensino popular e privado, que non estaría suxeita aos imperativos dos criterios políticos de turno, senón aos pais e ás nais, á comunidade educativa. Parécenos factible.

P: Como sería esa rede?

R: Como a rede queira. A premisa é que sexa laica e que a lingua vehicular do ensino sexa o galego, como o é o inglés en Londres e o ruso en Moscú. Queremos que sexa nunha situación normal e sen ningún tipo de discriminación cara a ninguén. Nos nosos nove puntos tamén está contido que o ensino debe ter excelencia en tódalas materias e promover o coñecemento das linguas romances de tronco común co galego --nomeadamente o portugués--, ademais de que se garanta a competencia lingüística plena en castelán. Pretendemos que os rapaces teñan un ensino realmente rico en linguas e de calidade.

P: A plataforma crearía os centros?

R: Non, consiste en apoiar a creación de centros, facer que sexan viables. Non pretendemos ter a titularidade. Nós buscamos que a xente que queira facer ensino en galego poida facelo e darlle tódalas facilidades. Imos apoiar os proxectos centrados en desenvolver ensino en galego e de calidade, cunhas normas acordadas por todos e con participación directa da comunidade educativa no seu conxunto. Un ensino democrático, pleno e integrador. Non sería unha rede privada con ánimo de lucro, senón popular e democrática.

P: Entón, ten que haber alguén que cree os centros. Hai xa algún proxecto definido?

R: Non, aínda que hai proxectos no país e motivos para ser optimistas. Trátase de que se alguén quere crear un centro, que o faga. ¿Canto necesita para facelo, 300.000 euros? Que se poña en contacto con Galiza co Galego e nós ímoslle facilitar ese diñeiro. Se nun ano o centro vai ben e gañou cartos, o diñeiro recupérase e vai para outra escola. Se en vez gañar perdeu 100.000 euros, pois perdémolos en educación galego, non pasa nada. Simple e ao mesmo tempo complexo.

P: E é posible?

R: É posible poñéndote en contacto coa xente. Se chegamos ás 3.000 persoas no movemento e cada unha pon 100 euros conséguense 300.000 euros, que pode ser, por poñer un caso, o que costa unha escola con 250 prazas. Cando se libere ese diñeiro vai ir para outra, e outra. Quen puxo os 100 euros non os perde. É un depósito e ao mellor o pode recuperar, porque o ensino, ao ser privado, vano pagar os pais e as nais. Despois ao mellor se poden conseguir subvencións, pero tampouco nolo plantexamos.

P: Prevén ter en marcha algunha escola no 2011 e que a comisión xestora que acaban de crear deixe de existir no 2012, para cando esperan que estea consolidada a rede.

R: Imos procurar facer o 17 de maio do 2010 a xestora da rede popular onde se empece a dar ensino. No 2012 suponse que vai haber varias escolas. Hai unha asociación que será a que as supervise, e nese momento a comisión promotora non terá ningunha razón de existir. Esa asociación contará con pedagogos e profesionais que poidan apoiar ás persoas que queiran dar ensino.

P: O decreto lingüístico para o ensino que está vixente, á espera de que se aplique o que prepara a Xunta, establece que polo menos un 50% das materias se deben impartir en galego. Están de acordo con ese modelo?

R: O que queremos é que os nosos nenos teñan un espazo en galego. O noso dereito á educación en galego é inalienable. Non é un dereito legalizable, nin algo para o que alguén nos dea a graza. Témolo por ser galegos e contar cunha lingua propia. Non queremos graza de ninguén. Se teremos dificultades desde o punto de vista legal ou se alguén o quererá impedir, non o sei.

Nós sabemos o que queremos: que os rapaces de tres ou catro anos que saian da casa falando galego non cheguen da escola rexeitándoo. Temos que buscarnos unha alternativa. En todo caso, non é nada excluínte; non lle imos excluír a ninguén que fale castelán. Simplemente queremos que haxa ese espazo, porque no conxunto da sociedade é tal a presión do castelán que está garantido que o rapaz vai aprender esa lingua.

P: Participaron nas manifestacións en defensa do galego do 17 de maio e do 18 de outubro. Teñen relación con Queremos Galego ou algunha das outras plataformas en defensa do idioma creadas nos últimos meses?

R: Non. Hai relacións a nivel persoal e persoas que están nunha e noutra, pero non temos relación nin mantivemos ningunha conversa formal. Este é un movemento que se ve con certo receo. Hai quen cre que non é posible, e tamén quen o ve como se fose para tumbar a escola pública. Non é así. Á parte, hai xente que di: Hai están estes os independentistas, ou os da dereita galeguista. Buscan extremos que non hai. Somos xente normal e non hai unha organización detrás.

P: Por que cre que xurdiron nos últimos meses tantos colectivos centrados na defensa do galego?

R: Que pena que non houbese 3.000 persoas que apostasen por unha idea concreta. Os colectivos están moi ben e é fantástico que os haxa, pero nos pretendemos ser algo máis, facer. O noso forte non é reivindicar; nós queremos facer. Non pretendemos modificar ao señor Alberto Núñez Feijóo ou o conselleiro. Tampouco queremos que nos axude ninguén. Non lle pedimos nada, ímolo facer nós. Se quere facelo connosco, benvido sexa, entre esas 3.000 persoas.