“O galego está en serio perigo de extinción” 

Galicia confidencial

Francisco López é un dos impulsores de Galiza co Galego, entidade que pretende garantir o dereito a unha educación, laica, en valores, pluralista, democrática, de calidade e en galego. Critica á Xunta por non defender o idioma e pide o compromiso social para espallalo.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 12/01/2012


Galiza co Galego naceu no ano 2009 como un  movemento popular, resultado do debate social suscitado pola decisión da Xunta de impoñer o decreto do trilingüismo e co obxectivo de sumar máis de 3.000 compromisos a prol dunha Asociación que garanta o dereito á educación en galego.
Conta coa colaboración de asociacións en defensa da lingua, asociacións pedagóxicas, sindicatos e cooperativas de ensino de Galiza, Galiza co Galego elaborou un proxecto de Rede de escolas infantís, cun programa educativo común e aberto.
Conseguido o obxectivo dos compromisos en maio de 2011, o vindeiro sábado 28 de xaneiro terá lugar a asemblea de ampliación desta asociación.
Galicia Confidencial (GC).- Está Galiza co Galego cumprindo as súas expectativas iniciais?
Francisco López (FL).- Estamos a cumprir co calendario de traballo proposto. En Maio de 2011 superamos os 3000 compromisos e recibimos o mandado de organizar o movemento mediante unha asociación que garanta o dereito á educación en galego da cidadanía. O 28 de xaneiro faremos a asemblea da Asociación Galiza co Galego, na que se incorporarán como socios e socias máis de 3.150 persoas. Organizaremos unha Rede de Escola Populares Infantís e tamén unha Cooperativa de Ensino Popular.
Escola “democrática, de calidade e en galego”
GC.- Cales son os obxectivos a longo prazo?
FL.- A longo prazo o noso obxectivo é non ter razón de ser. A curto prazo, é o de facer efectivo e garantir o dereito –en especial da infancia- a unha educación, laica, en valores, pluralista, democrática, de calidade e en galego.
GC.- E credes que o país ten unha masa crítica para soportalos?
FL.- O País está ateigado de xente boa e xenerosa que, con independencia das súas ideas ou da lingua en que se expresan, desexan que os seu fillos aprendan en galego. Eles saben que é unha riqueza.
GC.- Por que credes que desaparecen os medios en galego?
FL.- Seguramente non conveñan a quen está a promover o unionismo español, aniquilador da diversidade, e quizais, dende o punto de vista capitalista, non sexan rendíbeis. Pero a responsabilidade do seu mantemento é da sociedade e de quen está na vangarda da súa dirección.
Sen “administración propia”
GC.- Xa tedes dito que o papel da Xunta non axuda, que debería facer unha administración polo seu idioma?
FL.- A administración pública debera servir á cidadanía, defender o propio, xerar auto-estima e dar apoio. Mais acontece que Galiza non conta cunha administración propia, así que non hai moito que agardar.
GC.- Credes que o galego corre risco de desaparición?
FL.- O galego, de seguir coa presión do unionismo español e o desleixo social, está en serio perigo de extinción. É unha teima de diversos sectores, algúns incluso antagónicos entre si, que o galego pase a ser unha reliquia etnográfica e desapareza como lingua diferenciada e propia de Galiza.
GC.- E cal é a solución para evitar males peores?
FL.- O apoio decidido e práctico á educación infantil en galego.
O papel dos medios
GC.- E o papel dos medios neste conflito, cal debería ser?
FL.- Os medios deberan prestar máis atención ás actuacións daqueles que empregan o galego na súa acción diaria, con independencia dos avales”,“persoeiros” e demais que os acompañen. Non dar bombo ás accións contrarias á lingua, asociacións, etc. que buscan o descrédito da mesma e o enfrontamento entre a cidadanía.
GC.- Están os partidos políticos a altura das circunstancias?
FL.- A lingua galega non é unha cuestión de partidos políticos, é unha cuestión dos galegos e das galegas. A lingua galega é unha creación do Pobo da Galiza. A cidadanía dá o seu apoio electoral a partidos políticos que actúan na Galiza, que non son galegos e que xeralmente entenden a lingua propia de Galiza como un atranco. En xeral, os partidos políticos que son galegos defenden e actúan en favor do idioma.
GC.- Un desexo para o futuro....
FL.- Que aprender en galego sexa doado, normal e un dereito pleno.