jueves, 19 de noviembre de 2009

Adiante co ensino en galego

Francisco de Limar López

Dende abril do 2009 estase a crear un movemento de apoio efectivo ao ensino en galego, que co nome Galiza co Galego pretende que se poida exercer o dereito ao ensino no noso idioma. As persoas que desexamos que na Galiza se ensine en galego, non queremos que os poderes públicos ou as decisións dos partidos políticos e medios de presión- nos concedan un dereito que xa é innato á nosa condición como galegos, cal é o uso e aprendizaxe na nosa lingua.

Dende movemento Galiza co Galego apoiamos as mobilizacións da cidadanía en defensa do noso idioma e dos nosos dereitos como pobo, e con tal motivo acudimos ás manifestacións dos pasados 17 de maio e 18 de outubro.

O 17 de maio este movemento constituíu unha xestora aberta e dende aquela lévanse sumados á iniciativa de Galiza co Galego (para a creación dunha rede popular de ensino en galego) moitos apoios que, ao día de hoxe, son máis de 750 persoas. Para facer posible a idea de Galiza co Galego e lograr o apoio social e económico para a Rede Popular de Ensino en Galego, a xestora entendeu necesario constituírse en asociación.

Por elo, o sábado 5 de decembro, as seis e media, no Centro Cívico Municipal de Castrillón no Concello de A Coruña, (situado na Praza Pablo Iglesias) vai facer o seu acto fundacional a Comisión Promotora de ensino Galiza co Galego. Queremos xuntar os esforzos da cidadanía para facer efectivo o ensino no noso idioma. Un ensino laico, de calidade, plural, democrático e ao servizo da sociedade, independentemente das decisións políticas. Ao devandito acto están convidadas todas aquelas persoas que defendan a lingua e o ensino en galego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario