jueves, 29 de abril de 2010

As sete peneiras. Unha entrada plurilingüe no mundo das linguas románicas

EuroCom: Un camiño cara ao plurilingüismo en Europa

Fonte da información: Eurocom

EuroComRom: As sete peneiras. Unha entrada plurilingüe no mundo das linguas románicas

1. Introdución

1.1 Diversidade e riqueza lingüística en Europa

Europa vive actualmente un proceso de intercambio e de contactos mutuos na circulación de mercadorías e de persoas, así como no dominio da comunicación e da información nos medios da comunicación social; é un fenómeno que ata agora non se dera nunca –nin mesmo durante o Imperio Romano ou na Idade Media 'internacional'–. As comunidades lingüísticas europeas aproxímanse cada vez máis e o que cada persoa sabía de maneira moi xeral sobre o plurilingüismo tórnase nun contacto concreto con cada vez máis europeos de procedencia diversa falando outra lingua. A comunicación improvisada a través dunha lingua terceira, vehicular, que crea certa distancia, non pode satisfacer a necesidade de profundar nestes contactos, xa que ningún dos falantes nesta comunicación se expresa na súa lingua-materna ou na do seu interlocutor, co cal ninguén vai dar un paso en dirección ao outro.

O cidadán europeo é cada vez máis consciente da importancia das respectivas linguas-maternas como medio de aproximación aos outros. A opinión pública considera, no entanto, excesivo o tempo que hai que investir na adquisición de coñecementos suficientes que fagan posible a comunicación nas diferentes linguas dos cidadáns europeos cos que se está en contacto máis estreito. Por iso acotío se renuncia –naturalmente a contragusto– a unha auténtica diversificación das linguas.

É verdade que as nacións das comunidades lingüísticas de Europa subliñan sistematicamente canto amor e respecto teñen pola súa lingua-materna, mais logo recúan cando se trata de introducilas e implantalas nas escolas europeas, cunha base da reciprocidade. A comunicación profunda entre os europeos vese así obstaculizada. A libre circulación das persoas e a súa instalación nos países veciños permanece fortemente limitada en función da falta de preparación a través dun ensino lingüístico diversificado.


1.2 EuroCom multilingüe

O obxectivo da nova estratexia EuroCom consiste en facer posible que os europeos accedan ao plurilingüismo de maneira realista, ou sexa:

· sen incrementar do esforzo de aprendizaxe, é dicir, reducindo o esforzo;

· sen esixir unha competencia maximalista, isto é, recoñecendo o valor dunha competencia parcial para fins de comunicación.

EuroCom concíbese como complemento necesario á oferta do ensino de linguas nas nosas escolas. As máis das escolas europeas transmite, certamente, competencias nunha lingua estranxeira con éxito variable (o inglés, na maior parte das veces) e ata nunha segunda lingua para algúns (o francés ou o alemán). Pero así non se atinxe un plurilingüismo que se apoie na complexidade e na riqueza lingüística de Europa e que poida conducir a unha verdadeira competencia paneuropea.

EuroCom concíbese como un complemento á oferta tradicional de aprendizaxe de linguas, mais pode servir igualmente como proposta para unha reforma que facilite a aprendizaxe de linguas de maneira fundamental.


Atrancos

O principal atranco perante unha competencia plurilingüística máis ampla é de natureza psicolóxica e está intimamente relacionado coa motivación. Non é un problema de aptitude ou de intelixencia, nin sequera é unha cuestión de economía de tempo. O atranco principal é duplo: primeiro, responde ao feito de o individuo temer o esforzo de aprendizaxe, e logo, está directamente relacionado coa idea de que a opinión pública non considera o plurilingüismo como o caso normal, senón como unha excepción.

EuroCom proponse diminuír radicalmente o medo a un esforzo excesivo de aprendizaxe, así como eliminar a barreira mental existente sobre todo nos grandes Estados, presuntamente monolingües. A sociedade e os sistemas escolares de tales Estados teñen tendencia a considerar o plurilingüismo como sinal característico de subdesenvolvemento. Este prexuízo, que pasa case desapercibido e que é contrario ao que parecería lóxico, debería ser refutado por explicacións claras e distintas.

A Unión Europea, xunto cos gobernos rexionais e suprarrexionais podería exercer unha influencia positiva contra os prexuízos relativos ao plurilingüismo e ata mesmo erradicalos. Con todo, un programa para as linguas europeas non poderá facerse efectivo sen que a dificultade de acceder a outras linguas sexa reducida de modo significativo. Tal é o propósito de EuroCom.

O inicio

No paso dunha lingua coñecida a outra, o comezo –o primeiro contacto realizado coa intención de aprender esta lingua–é o momento determinante; é un momento decisivo no que se concentran as angustias, os medos e as resistencias. Unha estratexia que puidese ofrecer unha solución na cal non houbese esforzo de aprendizaxe, polo menos nun primeiro estadio, sería a condición previa para un éxito realista e pragmático nun programa de aprendizaxe das linguas europeas. EuroCom ofrece esta posibilidade.

Na fase inicial EuroCom proponlles aos estudantes unicamente cousas simples, ou máis exactamente, aquilo que os aprendices xa saben, pero que ignoraban saber. A experiencia proba que se atinxe así unha motivación moi elevada para o inicio da aprendizaxe: a intención didáctica e psicolóxica do noso método de aprendizaxe consiste, en efecto, en demostrarlles e probarlles aos estudantes que eles xa saben moitas cousas que non sospeitaban –coa finalidade de espertar neles a autoconfianza no momento da abordaxe da nova lingua–. Os estudantes decátanse, en primeiro lugar, de todo o que xa non teñen que aprender. Ven as vantaxes que poden obter a partir do capital lingüístico de que dispoñen, pero que aínda non concretaron verdadeiramente e do que deben tirar partido para o investir nunha nova lingua. Ven igualmente que de non reinvestilo, o beneficio acabará por perderse a longo prazo.

EuroCom receptivo

Seguimos unha estratexia que renuncia, en principio, a esixir habilidades de produción lingüística oral e escrita activas e concentrámonos na fase inicial, nas habilidades lingüísticas receptivas –a comprensión da escrita–. Fóra da infancia, a competencia lectora é o fundamento máis doado e máis sólido para o desenvolvemento posterior da competencia de comprensión oral, da produción oral e da expresión escrita. Alén diso, dada a importancia crecente da escrita, a competencia lectora está en vías de asumir un valor cada vez maior. O proceso de información e de decisión baséase cada vez máis en documentos escritos. Mesmo xa é posible, co ordenador, transcribir electronicamente a voz humana a texto, e o usuario preferirá sempre o texto escrito que pode captar con moita máis rapidez.


1.3 Ningunha lingua estranxeira é unha terra absolutamente descoñecida

O ensino convencional de linguas produce no estudante a impresión desmotivadora de que comeza a aprendizaxe a partir de cero, sendo un neófito absoluto. EuroCom, en troques, comeza por mostrar todo aquilo que xa pode descifrar nun texto utilitario desta nova lingua. EuroCom activa rapidamente as competencias existentes mais non exploradas. Pescudar os elementos comúns naquilo que nos parece que é estranxeiro pasa por dúas bases lingüísticas:

1. o parentesco existente entre as linguas,

2. o léxico internacional, cunha base común en amplos sectores da vida moderna e das linguaxes especializadas.

A primeira base é prioritaria porque, a maiores do léxico, permite detectar os elementos coñecidos na estrutura lingüística da nova lingua, nos sons, na morfoloxía, na formación e estrutura das palabras ou na sintaxe.

A dedución optimizada

Procurar elementos coñecidos no que nos é descoñecido é un proceso que se deriva da capacidade humana de transferir experiencias vividas, significados e estruturas coñecidas a novos contextos. EuroCom adestra o estudante a recorrer permanentemente a esta capacidade no momento de pasar a unha nova lingua. O obxectivo é a mellora a capacidade de dedución. Pero ao facer isto, non se lle pide ao estudante nada que el non saiba xa; debe unicamente aproveitar o mellor posible aquilo que xa posúe e xa sabe. EuroCom fornece todas as axudas necesarias para que, cun mínimo de esforzo de aprendizaxe, acade un máximo de dedución axeitada. EuroCom ofrece a cadaquén a posibilidade de autoaxuda.

En oposición ao ensino tradicional de linguas estranxeiras, onde só se trata de se os resultados son correctos ou falsos e onde todo o que non sexa completamente correcto será considerado sen valor, e ten que ser corrixido, no método EuroCom calquera acto comprensión aproximadamente correcta ten o seu valor. Isto é extremadamente importante para a motivación.

Dunha maneira xeral, no EuroCom consideramos que todo o que leva a deducir o sentido global e permite unha comunicación mínima efectiva é xa unha prestación importante. Isto pode motivar o estudante a procurar unha corrección positiva, así como un adestramento suplementario. Os erros non son simplemente incorreccións. A maior parte de erros e deducións equivocadas son froito de accións intelectuais coherentes e lóxicas. É indispensable que esta parte sexa desenvolvida de forma motivada e valente; os estudantes deben empregar cada vez máis as deducións sen medo a enganarse.

Todo aquilo que xa sei

A estratexia EuroCom organiza os dominios nos cales se poden recoñecer elementos coñecidos de cada lingua nova sempre que esta pertenza á mesma familia ou ao mesmo tipo de linguas. Son sete ámbitos que chamaremos as sete peneiras. O método será mostrado deseguido cun exemplo da familia das linguas románicas (EuroComRom), mais o mesmo modelo pode ser aplicado á familia das linguas xermánicas(EuroComGer) ou eslavas (EuroComSlav).

Durante os sete procesos de filtrado, o estudante vai seleccionando información lingüística, como o buscador de pebidas de ouro no curso dun río. El saca da nova lingua todo o que xa lle pertence, porque dispón deses elementos na lingua que coñece. Despois de ter peneirada sete veces a lingua á procura de elementos coñecidos, verifica que un texto de xornal na nova lingua (por exemplo, no campo da política internacional) é doado de entender no que toca ás informacións esenciais. Partindo destes datos, decátase de que pode comprender o sentido das outras partes do texto cunha boa aproximación.

A división sistemática en sete dominios diferentes faise por razóns didácticas. O estudante debe ser consciente de cales son os ámbitos que lle aseguran unha comprensión efectiva. Na xerarquía dos diferentes dominios, ás posibilidades de recoñecemento evidentes e inmediatas sucédense as posibilidades que esixen unha ollada máis vixilante e un pequeno exercicio. Tras a fase didáctica inicial, o traballo práctico de exploración e comprensión do texto deberá recorrer de xeito simultáneo e sen orde xerárquica ás sete peneiras indistintamente, de acordo coas esixencias do texto.


1.4 As sete peneiras

Coa primeira peneira extráese da nova lingua o vocabulario internacional [VI]. Este léxico foi creado para todas as linguas no desenvolvemento moderno da vida humana e do pensamento. Élles común a todas elas e apóiase en boa medida nunha base latino-románica, o que favorece moito as linguas románicas nesta primeira peneira. Un adulto posúe preto de 5000 destas palabras, sendo quen de recoñecelas sen esforzo noutras linguas, xa que en xeral se atopan modificadas moi lixeiramente. O vocabulario internacional, á par dos nomes de persoas e de institucións internacionais comúns, así como termos xeográficos, etc., forman a parte do texto que nun artigo de xornal (por exemplo, de noticias internacionais) pode ser comprendida inmediatamente. Este vocabulario é, doutra banda, moi frecuente e claramente maioritario neste tipo de texto.

Coa segunda peneira fíltrase o vocabulario específico común á familia das linguas románicas: o léxico panrománico [VP]. Esta peneira móstranos como o coñecemento dunha soa lingua románica representa xa unha porta aberta a todas as outras linguas da mesma familia. Os estudantes que xa teñan investido nunha segunda lingua románica poden de aí tirar beneficio para a aprendizaxe doutras linguas románicas. Preto de 500 palabras do noso pasado latino común existen aínda hoxe no vocabulario básico da maioría das linguas románicas.

É só coa terceira peneira que serán utilizados os parentescos léxicos de maneira estratéxica: a través do recoñecemento das correspondencias fonéticas [CF]. Numerosas palabras, de uso frecuente, non son facilmente recoñecibles a primeira vista porque experimentaron modificacións fónicas diferentes. O método EuroCom pon a disposición do aprendiz todas as formas de correspondencia dos fonemas para que poida recoñecer facilmente o parentesco da palabra e, deste xeito, o seu significado. As descubertas que cada estudante fai no contacto cunha lingua emparentada son sistematizadas por un número restrinxido de correspondencias entre fonemas. O estudante pode, así, analizar inmediatamente unha cantidade de evolucións históricas e recoñecer a palabra na súa nova roupaxe, mobilizando poucos esforzos de aprendizaxe e partindo, en cada caso, dun exemplo preciso; sabendo que 'noite' corresponde ao francés 'nuit', ao español 'noche' e ao italiano 'notte', pódese deducir que ao termo 'leite' corresponde 'lait' en francés, 'leche' en español e 'latte' en italiano.

A cuarta peneira refírese ás grafías e as pronuncias [GP]. As linguas románicas utilizan certamente as mesmas letras para transcribir os máis dos fonemas; algunhas solucións ortográficas, no entanto, son mesmo así diferentes e impiden o recoñecemento inmediato do parentesco da palabra e do seu sentido. EuroCom sistematiza as diferenzas adoptadas por cada lingua nun cadro sinóptico e demostra a lóxica da convención ortográfica, resolvendo así as dificultades de comprensión resultantes da diversidade de grafías. Abonda con que o estudante preste atención, unha única vez e de forma consciente, a un número limitado de fenómenos. Paralelamente, algunhas convencións de pronuncia tórnanse transparentes e son utilizadas para demostrar o parentesco entre termos: descóbrese daquela que palabras escritas de xeito diferente poden ser idénticas respecto á súa pronuncia.

A quinta peneira aproveita a vantaxe de que en todas as linguas románicas os nove tipos de estruturas sintácticas panrománicas [SP] son fundamentalmente idénticos. A persoa que é consciente deste feito, poderá medir inmediatamente ata que punto os seus coñecementos sintácticos dunha lingua románica lle van servir de axuda para situar a posición dos artigos, dos substantivos propios e comúns, dos adxectivos, dos verbos e das conxuncións nas outras. Mesmo nas numerosas oracións subordinadas (relativas ou condicionais), a posición sintáctica das palabras é transparente dabondo. Partindo destas estruturas sintácticas panrománicas, pódese illar facilmente as singularidades de cada lingua e facelas transparentes coa axuda dunhas poucas indicacións.

Coa sexta peneira, EuroCom pon á disposición do estudante unha fórmula básica para entender os elementos morfosintácticos [MS], coa cal se pode chegar ao mínimo común denominador das diferentes palabras gramaticais ou terminacións de palabras (por exemplo, como recoñecer unha primeira persoa do plural nas linguas románicas). Deste xeito facilítase a comprensión das estruturas gramaticais. Os elementos morfosintácticos son os elementos máis frecuentes dun texto, de aí que o seu recoñecemento sexa moi útil.

A sétima peneira consiste nunha lista de prefixos e sufixos [FX]. Permite a análise de palabras compostas separando a raíz dos afixos. Chega con lembrar un pequeno número de prefixos e sufixos latinos e gregos para poder descodificar unha morea de palabras.

A través das sete peneiras de selección, o estudante verificará que dispón dun gran repertorio de elementos xa coñecidos no dominio léxico e gramatical dunha lingua románica. E isto pódese aplicar a varias linguas dunha soa vez. O mérito de EuroCom é aquí estratexicamente decisivo: non hai un progreso penoso dunha lingua a outra e logo á seguinte, pois, mercé a un esforzo único, a porta ábrese ao mesmo tempo para todas as linguas. Así, por tanto, xa non é vantaxoso nin económico renunciar ao obxectivo de coñecer moitas linguas. Pola contra, restrinxir a aprendizaxe a unicamente unha lingua sería sinónimo de desperdicio de coñecementos e de información.


1.5 As diversas linguas en particular

Na segunda fase da estratexia EuroCom, o estudante é incitado a abandonarse un pouco máis á súa motivación persoal e a establecer centros de interese particulares na familia das linguas filtradas polas sete peneiras.

EuroCom propón breves retratos de seis linguas románicas, faladas en total por case un billón de persoas. Estes breves retratos, coa axuda das sete peneiras, van facer que o saber lingüístico mobilizado se torne sistemático, completándoo.

O breve retrato comeza con indicacións relativas á implantación xeográfica da lingua e ao número de falantes. Permite unha visión de conxunto do desenvolvemento histórico desde as orixes ata os nosos días, indica os dialectos máis frecuentes e as variantes.

A parte máis importante é un resumo que presenta de maneira condensada as particularidades típicas, idiosincráticas, de cada lingua, moi especialmente: a pronuncia, a ortografía e a estrutura das palabras. Deste xeito, as impresións auditiva ou gráfica que, ás veces, o estudante non integra senón de maneira difusa, son explicitamente formuladas e feitas conscientes. A lingua fica entón claramente diferenciada en relación ás outras linguas emparentadas, para que no estudante se debuxe con nitidez, sobre o fondo do parentesco e da semellanza das linguas evocadas polas sete peneiras, a particularidade de cada unha delas.

Esta caracterización é seguida dun mini-léxico coas diferentes categorías de palabras (mini-gramática incluída) no cal se propoñen de forma sistemática os 400 elementos léxicos máis frecuentes: numerais, artigos, preposicións, nomes comúns máis importantes, adxectivos, conxuncións, adverbios de lugar, de tempo e de cantidade e ata os 20 verbos máis frecuentes nas súas formas regulares e irregulares. Así, atoparanse listadas sistematicamente as palabras accesibles polas sete peneiras. Serán completadas polas palabras frecuentes e importantes que eventualmente só aparecerán nunha das linguas. Nun léxico alfabético final aparecen, pois, as palabras estruturais de cada lingua, que representan do 50 ao 60% dun texto corrente. Nesta lista estarán destacadas as palabras que non puideron ser adquiridas durante as sete peneiradas e para as cales se recomenda unha atención especial. Por sorte, estes particularismos constitúen un grupo reducido de termos, aínda que sexan frecuentes (preto de 12 palabras por lingua).

Os breves retratos das linguas son presentados intencionalmente dunha forma concentrada e sintética: preténdese cun mínimo de input na aprendizaxe (preto de 12 páxinas por lingua), chegar á obtención dun máximo de output para a comprensión de textos escritos.

Con este método e o conxunto de informacións estratéxicas que proporciona, o estudante dispón dunha base sólida para o desenvolvemento da súa competencia receptiva, competencia que pode aumentar rapidamente coa lectura de textos diversos. Iso facilitará o paso á recepción de textos audio e ao tempo poderá motivar a expresión oral dunha maneira ou doutra. Con todo, é preciso subliñar que a adquisición dunha boa competencia receptiva de varias linguas representa en si mesmo un obxectivo fundamental para a cultura europea.


1.6 EuroCom como manual de aprendizaxe

O EuroCom pódese empregar como manual de aprendizaxe nas universidades, institutos e escolas de idiomas, baixo a supervisión de profesores que se dedicaron ao ensino de linguas estranxeiras diversas. É un complemento aos materiais e manuais existentes para a aprendizaxe das linguas que cada estudante poderá utilizar segundo as súas necesidades. En principio este libro pode ter unha función introdutoria en relación aos manuais convencionais de aprendizaxe das diferentes linguas. Os cursos de linguas individualizadas pódense así acelerar e simplificar. O tempo que se gaña pódese investir na aprendizaxe doutras linguas.

O profesorado non ten necesariamente que saber todas as linguas tratadas; chega con empregar a estratexia EuroCom para a abordaxe de cada nova lingua; situarase así perante o desafío, xunto cos outros estudantes, de descifrar un texto na nova lingua. Neste sentido, a utilización deste manual é igualmente interesante para grupos sen profesor na medida en que os participantes de varios dominios lingüísticos se complementan como expertos nas diversas linguas. No caso de que este libro se empregue na autoaprendizaxe, cumprirá utilizar medios auditivos para acceder á pronuncia correcta de cada unha das linguas.



1.7 Aprendizaxe de linguas e motivación

A utilización sistemática das semellanzas entre linguas é unha estratexia que ata agora se utilizou pouco para acceder ao plurilingüismo. Co emprego desta estratexia EuroCom facilita así o proceso de aprendizaxe. Pero do mesmo xeito, tamén a motivación persoal e subxectiva será decisiva. Un terreo favorable para o plurilingüismo dependerá da medida en que as experiencias anteriores coa aprendizaxe das linguas tivesen sido coroadas de éxito ou fracaso. Por iso, antes de comezar a traballar con EuroCom deberemos reflexionar sobre as angustias e os prexuízos que rodean o plurilingüismo para eliminar as barreiras subxectivas.

As cinco angustias

Nos países onde non se ten o hábito do multilingüismo, atopámonos sobre todo con cinco tipos de angustia, ou con factores desfavorables á motivación do individuo, que dificultan o acceso a outras linguas. Cómpre ser consciente destas angustias para as desactivar mellor e, no caso de se tratar de argumentos simplemente falsos, é preciso refutalos.

1. «Son demasiado vello. Unha lingua só se pode aprender de pequeno» Esta perspectiva subestima a capacidade de aprendizaxe dos adultos. Ao contrario, cómpre ter consciencia de que as vantaxes de que dispón un neno (moito tempo, moita enerxía lúdica para identificarse coa lingua que é necesario aprender) son, como mínimo, amplamente compensadas polo saber e pola experiencia que o adulto trae consigo. Un adulto pode obter en numerosos dominios unha progresión moito máis rápida na aprendizaxe do que un neno, sobre todo cando se debruza intensamente sobre o seu obxecto de estudo e se atopa abondo motivado para aprender a nova lingua. No adulto, o feito de escoitar atentamente e de pronunciar correctamente está igualmente ligado á súa actitude, á confianza en si mesmo e á disposición en querer inserirse moi rapidamente noutro ambiente lingüístico.

2. «Non estou dotado para as linguas» Non existen persoas non-dotadas para as linguas (salvo en caso de perturbación cerebral): cada ser humano aprendeu a súa lingua materna; pode, da mesma forma, aprender outras. Decote esquecemos que a adquisición da lingua materna foi un proceso moi complexo e moi longo e que, en relación a iso, a adquisición dunha lingua suplementaria é ás veces extremadamente rápida. O que se agacha tras a desculpa «non estou dotado para as linguas» é xeralmente unha motivación desfavorable, unha falta de disposición e de forza de vontade para adaptarse a unha nova situación.

3. «Vou mesturar todo ao aprender unha lingua próxima á miña lingua materna. Teño medo das interferencias» Atrás desta interpretación negativa do paso dunha lingua a outra coa que estea emparentada, agáchase a idea de que na cabeza non hai lugar para moitas linguas. Pero, tal como acontece con outras facultades humanas, para as linguas é igualmente verdade que cantas máis linguas se aprenderon, máis facilidade se ten para aprender outras novas.

No que fai á interferencia lingüística, cómpre ser consciente da vantaxe que supón poder recoñecer inmediatamente as palabras dunha lingua estranxeira sen grande esforzo de aprendizaxe, mercé á súa semellanza coas doutra lingua. De reflexionarmos sobre a dificultade de mesturar as nosas linguas europeas con linguas como o árabe ou o xaponés –coas que non hai practicamente ningún lazo de parentesco entre as palabras–, repararemos claramente na enorme vantaxe que nos ofrece a posibilidade de 'mesturar' linguas e aceptaremos agradecidos a incerteza inicial relativa á forma precisa da palabra. Por outra banda, é importante non esquecer que a medida en que o contacto coa nova lingua se vai intensificando, desenvólvese progresivamente unha percepción –intuitiva pero, ao tempo, moi clara– que permite distinguir cales son as palabras, as estruturas e os sons que pertencen ás respectivas linguas. De novo, pagará a pena subliñar que no principio da aprendizaxe dunha lingua é moi agradable poder ser auxiliado por outras linguas próximas; e iso non é un atranco, senón unha gran vantaxe.

4. «Se aprendo unha nova lingua, arríscome a perder as outras linguas estranxeiras que sei» Durante a aprendizaxe dunha nova lingua, prodúcese unha adaptación total ao novo medio, sobre todo se a persoa se atopa no país en que se fala esa lingua. É normal que non se poida pasar de inmediato a unha lingua aprendida anteriormente cando se está a aprender con intensidade outra lingua. Quen sexa consciente deste fenómeno debe manter unha actitude relaxada e, logo dalgúns minutos reparará en que a conversa dubidosa e insegura volve ser fluída. Isto é igualmente válido para as linguas que non practicamos durante un certo tempo. Quedan en situación “de reserva” no noso cerebro. Só é preciso un bo estímulo para reactivalas.

O que si é importante é que a persoa non se deixe bloquear polo medo. Cando se reprende o encontro cunha lingua xa coñecida, a persoa débese conceder unha boa dose de confianza. É preciso estar convencido de que as competencias lingüísticas adquiridas anteriormente estarán axiña dispoñibles no contexto dunha conversa ou dunha lectura intensiva.

5. «Non me atrevo a falar unha lingua en canto non a saiba correctamente» Atopámonos aquí no quinto estadio das angustias que supón a aprendizaxe das linguas, ou sexa, a manía da perfección. A idea de que unha lingua só poderá ser empregada cando sexa falada ou escrita de forma absolutamente correcta bloquea cada tentativa de uso lúdico e experimental. A escola, cos erros subliñados en vermello, as notas e os castigos, esquecendo os encoraxamentos, inculcounos esta tendencia de autocensura e autopunición. Cómpre a liberación de todas estas forzas para poder entrar de xeito relaxado e motivado nunha nova lingua. Na escola, a utilización da lingua está regulamentada polas notas; así, evitar os erros é unha cuestión de supervivencia. En cambio, de orientármonos cara á competencia comunicativa, calquera enunciado, por defectuoso que sexa, é eficaz sempre que o interlocutor chegue a comprender o significado aínda coa axuda de preguntas subsidiarias.

O valor de falar cometendo erros e a adquisición de estratexias para a autocorrección gradual é un bo camiño para acadar unha competencia cada vez maior, partindo dunha competencia activa reducida.

A competencia perfecta nunha lingua estranxeira era considerada, en xeral, un símbolo de formación superior, un factor de prestixio social. Moitas persoas partían do principio que dominar unha lingua de forma defectuosa (pero suficiente para a comunicación) denotaba falta de instrución, cultura superficial e un nivel social baixo. Pero é ao contrario, cada competencia lingüística suplementaria –aínda que se trate dunha competencia só lectora ou dunha competencia verbal elemental ou mesmo defectuosa, representa un suplemento na formación, na experiencia e no saber. Quen, por falta de competencia en lingua estranxeira e por falta de vontade para experimentar, non fai erros, non posúe ese suplemento.

Se somos conscientes de que levamos perfeccionando a propia lingua materna durante a vida enteira, podemos autorizarnos a falar outras linguas para experimentalas; ao primeiro con máis erros e logo, con máis perfección. A necesidade de mellorar non ten que desmotivar a ninguén para comezar a empregar unha nova lingua.

As cinco «angustias» aquí tratadas representan o esencial dos atrancos subxectivos para a aprendizaxe das linguas, segundo as respostas obtidas nunha enquisa realizada a estudantes na Universidade de Frankfurt . Estes obstáculos poden ser superados coa concienciación da irracionalidade destes medos e coa teimosía na importancia da motivación. Alén diso, é preciso subliñar que de centrármonos na adquisición de competencias receptivas, eses atrancos practicamente non teñen importancia:

* a interferencia lingüística axuda moito na lectura, concretamente cando unha persoa se serve de asociacións entre as linguas para resolver un problema;

* é certo que durante a adquisición de competencias receptivas se poden producir deducións falsas, pero non se producirán “erros” nas linguas que se están a aprender.

1.8 Os principios de EuroCom: en que consiste a estratexia EuroCom?

Novas linguas que, en realidade, xa coñecemos

* EuroCom mostra como a aprendizaxe de linguas é doada cando existe un parentesco entre elas.

* EuroCom proba que a persoa que fala unha lingua europea xa coñece moito da maioría das outras e que, xa que logo, non comeza de cero; pola contra, trae consigo unha gran cantidade de saberes lingüísticos para a nova lingua. O estudante descobre que as linguas veciñas non son linguas tan estranxeiras posto que en boa parte xa lle pertencen; así adquire confianza en si mesmo e ao tempo, motivación para non desaproveitar estes saberes lingüísticos.

* EuroCom permite que o estudante sexa consciente das súas capacidades de reconstruír o sentido descoñecido coa axuda de deducións analóxicas e do aproveitamento da lóxica do contexto. EuroCom optimiza estas capacidades.

* EuroCom fixa obxectivos lingüísticos inmediatos e realistas. Tende a un aumento de competencias parciais no dominio de numerosas linguas, en troques de tender a un perfeccionamento ilusorio dunha ou dúas linguas estranxeiras, pois a verdadeira diversificación lingüística europea comeza alén das linguas estranxeiras «estándar», como o inglés, o francés ou o alemán.

* EuroCom concíbese como complemento do ensino tradicional das linguas ou como estratexia para facilitar e acelerar a súa fase inicial.

* EuroCom completa deste xeito a oferta tradicional do ensino das linguas no seu aspecto máis feble que é, sobre todo desde un punto de vista europeo, a falta de diversificación.

* EuroCom diríxese a un público europeo máis vasto que aquel que é o branco dos métodos didácticos tradicionais, baseados na «near native language competence», valorando así as competencias lingüísticas parciais en numerosas linguas.

* EuroCom contribúe a que os europeos poidan revalorizar máis fortemente as linguas maternas (tamén a propia) e permite liberalos da imposición dunha lingua terceira vehicular, como saída única para a diversidade lingüística.

* Finalmente, EuroCom pon de relevo o feito de as culturas europeas seren parte dunha familia e estaren reciprocamente relacionadas.

O comezo é doado

O noso manual xunta para a fase inicial todo o que é doado na nova lingua e evita así efectos negativos (resistencias, angustias, medos) no principiante. Concéntrase na adquisición da competencia receptiva (a lectura dun texto), proporcionando deste modo unha progresión rápida na aprendizaxe. Os estudantes experimentan a velocidade con que poden comprender unha lingua. EuroCom utiliza todos os efectos positivos para espertar e manter esperta a motivación, é dicir, o pracer da curiosidade –o pracer de descubrir como un detective–.

A economía da aprendizaxe é un tema para a autorreflexión. Preséntanse sistematicamente fórmulas dunha utilidade múltipla e de grande eficacia. No canto de engadir sucesiva e penosamente as linguas nun proceso de aprendizaxe que se demora a través de longos anos, accédese inmediatamente a un único sistema lingüístico no que todas as linguas se poden relacionar pola transferencia de significados de palabras ou de estruturas. Desde un punto de vista da economía da aprendizaxe, ollar para todas as outras linguas da mesma familia de linguas é de enorme importancia: restrinxirse a unha lingua tórnase un obstáculo e abrirse ás outras é unha satisfacción. Así, o estudante escapa ao dilema escolar: que a elección dunha ou de dúas linguas limite o acceso a outras.

Partindo do punto de vista da psicoloxía do ensino, EuroCom fornece unha nova interpretación dos 'erros', dándolles o valor de resultados de dedución parcialmente conseguidos que só cómpre mellorar. Así, ponse en evidencia o lado positivo do raciocinio dedutivo. A finalidade é conseguir unha aprendizaxe sen medo á sanción. EuroCom axuda á autoaxuda: con este método reflexiónase sobre a aprendizaxe de linguas e apréndese a aprender. Acádase dese xeito seguridade e créase o hábito de achegamento a novas linguas.

Unha utilidade práctica desde o principio

A competencia parcial receptiva que o estudante, con profesor ou sen el, pode desenvolver, sempre de maneira autónoma, a través da lectura (e ocasionalmente coa axuda dun dicionario) para obter coñecementos sólidos, tráelle desde o inicio unha utilidade comunicativa real: a competencia receptiva permite ler informacións en relación a ou procedentes do país na lingua orixinal. EuroCom implica unha relación directa coa cultura do país, pois desde o inicio a competencia receptiva conduce a coñecementos culturais ricos a través de textos auténticos do país en cuestión. EuroCom forma expertos en lectura que xa non dependen das traducións existentes.


Alén diso, a competencia da comprensión escrita é para o estudante adulto a base máis simple para acadar rapidamente, a través doutros medios unha competencia da comprensión oral. Esta competencia da comprensión oral ha permitir posteriormente acceder ás informacións televisivas de numerosos países. E tamén permitirá comprender directamente os europeos que falen as súas linguas e formar parte da conversa na propia lingua materna de os interlocutores teren adquirido tamén a competencia receptiva da nosa lingua. Este xeito de conversa funciona moi ben logo dalgúns minutos de familiarización e fai posible substituír a comunicación entre dous interlocutores nun inglés deficiente. (O recurso a unha lingua vehicular é aquí unicamente necesario se as competencias receptivas dos interlocutores non tivesen contrapartida). Esta forma de comunicación en linguas maternas podería constituírse como programa para todos os europeos, co lema: «saber escoitar».

Efectivamente, esta “comunicación en tándem” é o camiño máis doado para prepararse para un uso activo dunha lingua e para comezar a falar esoutra lingua que se oe permanentemente e que se comprende. Hoxe en día moitos europeos non saben a que dominio lingüístico os conducirá a súa vida ou a súa profesión. Unha competencia receptiva diversificada xa existente nunha ou en varias familias de linguas vólvese rapidamente, en caso de necesidade profesional no país destinatario, nunha competencia produtiva na lingua dese país.


Competencia lingüística europea

Só cando sexan tamén numerosos os europeos que coñecen as numerosas linguas europeas, Europa se volverá verdadeiramente europea desde o punto de vista lingüístico sen centrarse exclusivamente no inglés (ou un pouco no francés ou no alemán). A experiencia das semellanzas e das diferenzas existentes nas linguas europeas servirá de modelo de experiencia desta proximidade e alteridade que vivimos simultaneamente en Europa. Así, a curiosidade e a simpatía por aqueles que falan doutro xeito e que nos son estranxeiros pode ser máis facilmente conciliada coa nosa propia identidade.


A adquisición doada dunha competencia receptiva no interior da familia das linguas románicas é motivo suficiente para que a experiencia se amplíe a outras familias de linguas (xermánicas ou eslavas). O método EuroCom pode así adaptarse a outros grupos de linguas e de falantes: por exemplo, EuroComRom para anglófonos, EuroComRom para falantes de linguas románicas, EuroComGer para xermánicos. Finalmente, unha rede de manuais EuroCom, con peneiras mutuas para as tres maiores familias de linguas europeas, podería ser a clave para as linguas da maior parte dos 700 millóns de europeos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario