domingo, 11 de enero de 2009

Crónicas dende o Hospital, habitación 428: "A pila milagrosa"

Francisco López

Nas súas mans un xornal, uns grandes lentes na faciana, elegantes, chapados en ouro. Sentada na cama articulada, coa cabeceira a medio erguer, e os laterais de protección -contra as caídas- levantados, baixo a cabeza a almofada, pasa as follas logo de ter lido, cando o fai mira ao seu redor.

O seu corpo está engurrado, de lado, queixase, “aay, aayy”, semella que está a pasalo mal. Toca a chamada a enfermería, entran dúas mulleres.

- “A ver, ¿qué quiere?”, dinlle.
- “Quiero ir al servicio, ¡aay!”.
- “No, no puede ser”, respóstanlle, e explícanlle que o médico di que ten que facer as súas necesidades no pañal, que non se pode erguer.
- “Me estoy haciendo por mí, ¡aay!”.
- “Hágalo en el pañal; no, no puede ir”.
- “Por favor, llevadme al servicio, ¡aay!”.

Quedo de novo só coas dúas doentes. “No me llevan al servicio, ¡yo que puedo hacer!, me hablan y no las oigo, no encuentro el audífono, no las oigo, quiero ir al servicio ¡aay!, por qué no me llevan ¡aay, aay!, me pusieron un enema y, ¡aay! no vienen, me voy por mi, y no vienen, ¡aay!”.

Deixo o xornal, que estaba a facer que lía, e achégome, busca algo na cama. “El audífono, no lo encuentro y lo necesito y no lo encuentro, ¡aay!”. Pídeme que lle mire no seu neceser, atopoo, doullo, e volto á miña cadeira.

Dálle voltas e máis voltas, o pon no ouvido, o mira e remira, busca pola cama, rebusca, mírame, “no encuentro la pila, la pila”, dime angustiada. Busco con ela pero sen resultado. “Es que no oigo nada”, repíteme entre queixas.

Pídolle o trebello e vou ao control de enfermería. Por favor unha pila para este audiófono, os ollos que me miran semellan pratos, a boca aberta, a quen me dirixo non me resposta, cando ao fin reacciona: non temos pilas!. Explico que é para a avoa da 428a, que non oe, miranme con estrañeza, parece que non soubesen que está xorda, pero non teñen.

Unha di que a súa nai ten tamén un “sonotone” e que as pilas llas regalan. Insisto na necesidade de que a señora poida ouvir, pero parece que o xordo son eu quen non se entera que “o hospital non da pilas”. Elas non saben onde conseguilas, fanme saber que a doente veu dunha residencia (xeriátrico), e que non é cousa delas.

Volto para a 428, devolvolle o audiófono, encóllome de ombros ante ela con cara de parvo. Matino nalgún xeito de buscarlle unha pila, e déixolle un sorriso cínico de esperanza. Explico como podo, o que me teñen dito no control, está tamén unha rapaza que veu a visitar a súa nai, falamos do absurdo da situación. Cómo pode ser que nun hospital, unha persoa por unha pila, non poda ouvir?.

É hora de xantar, a nai persuasivamente mándanos á cafetería. A conversa na mesa vai sobre a habitación 428. A rapaza está que alucina co tema da avoa, non entende o trato que se lle da e está por dicirlles catro cousas, ás bordes e imbéciles do hospital e mesmo fala de denuncialas. De volta a habitación, somos recibidos animadamente “mira y me apareció en la mesilla, sabes, antes no estaba y me apareció, la pila, sabes, si, me apareció”. Éche unha pila milagrosa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario