martes, 24 de enero de 2012

“Galiñiña”, que perdeches?

“Galiñiña”, que perdeches?


Cando se fala das privatizacións de elementos sociais (educación, sanidade, dependencia, oficinas de emprego, seguridade social...), debátese moito en termos económicos, viabilidade, xestión, beneficios..; pero o realmente importante é a súa acción de control da cidadanía, da súa vida e pensamento.

Marías Santísimas (poñan vostedes os nomes), na Galiza, privatizan a educación infantil de cero a tres anos, as garderías, acabando coa marca Galiñas Azuis (''sin ideología de serie''); ao final nin iso van deixar, nin a referencia formal, logo serán pasado e as chamadas Galescolas, prehistoria. Unha gran xogada de bo márketing e de des-memorización. Din que é para encher os petos dalgún amigo-a (de paso,si) e ademais (tamén de paso), colocan un xendarme -a empresa privada lucrativa- que lles garante conseguir o seu fin, que ao meu ver (a mirada dun ninguén) non é outro que o desmantelamento do modelo educativo das Galescolas baseado no respecto, na laicidade, na solidariedade, na cooperación, nos valores humanos, centrado no entorno local social e familiar e no uso da lingua propia como normal de comunicación.

Os educadores/as terán que someterse aos métodos e ideario da empresa adxudicataria e á compracencia dos “colocadores” das chamadas empresas de traballo temporal. Aí “han de ter”, eles, os de sempre, un “amiguiño” ao que recomendar.
A partir dese tempo, a educación infantil -á que ten dereito a cidadanía- estará en mans da precariedade, do enchufismo, da falta de pluralidade, da moda, na competitividade, na uniformidade de conciencias, para conformar unha infancia e, por medio dela, repercutir nas familias.
A perda do proxecto educativo das Galescolas-Galiñas Azuis, así como a súa desaparición como proxecto social, é un atentado á liberdade e ao dereito á educación dos galegos/as. Ante as dificultades económicas manifestadas pola Administración en Galicia con respecto á educación infantil de cero a tres, uns representantes da cidadanía dignos de ser deben promover a creación de alternativas non lucrativas que, en colaboración conxunta coas familias e educadores, favorezan unha solución propia, galega, universal, democrática, plural, social e participativa.

Se cadra, de continuar o desleixo social, veremos como as escolas infantís, feitas cos cartos de todas e todos, estarán nas (santísimas) mans de quen garante os puros valores de educar na moral e bos costumes, para maior gloria da dereita, única depositaria da verdade eterna.

No hay comentarios:

Publicar un comentario