viernes, 30 de diciembre de 2011

Neste histórico labor

Bos e xenerosos amigos e amigas:

Nesta tarde en que está a facerse noite, na regresión da nosa sociedade, onde a liberdade e o respecto perden fronte á manipulación e á tropelía, eu, que non posúo máis que a determinación de contribuír, coma vós, a unha sociedade máis xusta e igualitaria, plural e democrática, quero apelar á vosa implicación.

A lingua propia, como parte do pobo, morre cando a cadea de transmisión entre xeracións desaparece, sendo a infancia da cal depende o futuro, a parte máis feble.

Galiza co Galego nace, no ano 2009, como un movemento popular, resultado do debate social, co obxectivo de sumar máis de 3.000 compromisos a prol dunha Asociación que garanta o dereito á educación en galego.

Coa participación das asociacións en defensa da lingua, asociacións pedagóxicas, sindicatos e cooperativas de ensino de Galiza, Galiza co Galego elaborou un proxecto de Rede de escolas infantís, cun programa educativo común e aberto.

Conseguido o obxectivo dos compromisos en maio de 2011, o vindeiro sábado 28 de xaneiro teremos a asemblea de ampliación de Galiza co Galego, na que as máis destas tres mil persoas pasarán a ser socias para, así, podermos garantir social e economicamente o futuro da educación en galego con independencia e seguridade.

Galiza co Galego vai pór en marcha unha rede de ensino en galego, vai apoiar a viabilidade económica das escolas, vai axudar ás familias para exercer o dereito universal da infancia á educación, vai asegurar unha educación en galego laica, pluralista, democrática, de valores e de calidade.

É doado inscribirse e participar, por medio da súa web www.galizacogalego.com/altagcg ou no seu blogue http://limiargalego.blogspot.com/p/afiliacion-cgg.html.

Na certeza de que as boas e xenerosas persoas de Galiza axudaremos neste histórico labor, recibide unha forte aperta.

En Ferrol, en decembro de 2011

Francisco López
Presidente da Comisión Galiza co Galego.

lunes, 17 de octubre de 2011

Algo que facer?

Hoxe definitivamente comprobamos que o Xornal de Galicia (Xornal.com), tampouco se actualiza na rede e de feito está pechado.

O Partido Popular xa ten un "inmenso" control dos medios de comunicación en Galicia. O éxito do PP en Galicia, é un rotundo fracaso da chamada esquerda progresista galega que fiou todo ás bondades das subvencións e mercados, abandonando o concepto de militancia social e intelectual. Militancia social e intelectual que pese a contar cos medios, non descoida a chamada dereita.

Nin na Rede nin no Papel, nin nas Ondas o Partido Popular ten voces que fagan prevalecer outro discurso que non sexa o que din os seus dirixentes.

A voz da discrepancia, da crítica, ficará calada, manipulada, durante moito tempo, e se instalará un maior control na información, rabenando o dereito da cidadanía o coñecemento.

Algo que facer?


domingo, 9 de enero de 2011

Buscan o debilitamento colectivo

Ao fío desta cita:


STC (Sentenza do Tribunal Constitucional) 337/1994 no seu fundamento xurídico 9º:

(...) os poderes públicos -o Estado e a Comunidade Autónoma- están facultados para determinar o emprego das dúas linguas que son cooficiais nunha Comunidade Autónoma como linguas de comunicación no ensino, de conformidade co reparto competencial en materia de educación.”


Agora resulta de que a nosa garantía como pobo diferenciado está na Lei (e no seu “imperio”), que este pobo (galego) por si só non se deu, xa que temos que lembrar que da Constitución (lei de leis) do Reino de España é da que emanan as demais (estatuto, lei de normalización..., de pesca, do traballo, de educación...), foi votada en referendo por os españois, e por certo para algún despistado ... a Comunidade de Madrid ten dúas veces máis habitantes que Galiza.

Cumpre dicir que na Galiza vive o 6 % da poboación do estado, mentres na España que ten como única lingua o español (castellano) viven máis do 73% .

Que pasará cando os cidadáns españois (representados polo seus políticos e o seu estado) se farten de que haxa unha lingua menor, (como a cualificaban os franquistas e definen os seus herdeiros da dereita nacional- popular-española-catolicista) poño por caso o galego, que queira situarse de feito ao mesmo nivel que o español?

Coido que a resposta é doada, meus, tan só pasará a ser, o galego, unha lingua etnográfica e mesmo se lles é preciso inconstitucional.

As veces esquecemos (na defensa do noso) que en España os galegos representamos unha minoría , e os galegos conscientes da súa identidade (da necesidade da defensa da lingua propia) non somos todos.

Movementos contra das linguas do estado español distintas da maioritaria (castelán-español, ou español a secas), queren que a cidadanía “maioritaria” deixe de darnos a súa Gracia”, de tolerarnos o uso dunha lingua distinta da súa.

Xa vai tempo que andan con esa estratexia, elixen ás minorías, actúan contra delas, na procura da ruptura de calquera lazo ou alianza entre as mesmas, sementando xenreira e distanciamento.

Para elo é usado o terrorismo-violencia contra o pobo vasco, a crise-insolidariedade contra o pobo catalán, a indeterminación-incultura ( “se sube ou baixa”, parvos) contra o galego.

Buscan o debilitamento colectivo, así logo elixen a quen consideran máis feble, para o exterminar e avanzar no seu proxecto de uniformación.

Conviría recordar a reflexión que en 1945 realizaron os alemáns superviventes ao “uniformismo-Nazista”: "Primeiro foron eles , logo os outros, logo os ..., logo fomos nós, pero xa non quedaba ninguén en quen axudarse “.

Dáme o matinar que en axuda (os uniformadores) nos están a botar unha corda (con diversos envoltorios: adulacións, subvencións, proteccións, interpretacións, sentenzas ...), para que a atemos ao pescozo. De tirar dela (da corda) para salvarnos han de se encargar eles (xa saben quen, porque xa está dito).


domingo, 12 de diciembre de 2010

Sobre a teoría e a praxe, no tema do ensino, a lingua, o futuro e a infancia.

Sobre a teoría e a praxe, no tema do ensino, a lingua, o futuro e a infancia.


Para un mellor entendemento quero suliñar que o meu uso da verba praxe está en relación coa definición de que é unha actividade, unha acción encamiñada cara un determinado fin, conforme consta no dicionario da (R)AG.


Coido que cumpre mudar o paso, reparemos senón nestas situacións:


Quen exerce o Poder, sempre, realiza unha praxe, que responde a uns intereses e cuns obxectivos. Cando esa praxe, que ben sendo a maioría das veces, é contraria aos nosos intereses temos que facerlle fronte. Mais como?. Nun primeiro lugar, Nós, realizamos unha análise e logo de coñecer o que en previsión vai acontecer no desenvolvemento do suceso analizado, propoñemos e actuamos para resistir, evitar, neutralizar, .....


Podemos entender que a nosa defensa do galego no ensino público, a nosa reacción contra da discriminación lingüística,.... é consecuencia dunha agresión do poder.


Poñamos o caso de Nós sermos quen de facer unha acción, que antes como tódalas cuestións humanas non automáticas e cognitivas que saen da meditación e consciencia, ten un proceso teórico. A praxe (acción) das novidades que precisan da súa análise e valoración, para de novo iniciarmos á teoría, e facermos propostas para transformar, mellorar, manter, consolidar,.....


Podemos concordar que isto pode estar reflectido na posta en marcha dun proxecto concreto, como a rede popular de ensino de Galiza co Galego, na etapa infantil das Novas Galescolas....


As nosas enerxías poden ser desenvolvidas nun proceso de resistir.... ou en favor de transformar


Quere significar isto que hai dúas vías entre as que elixir: resistencia ou transformación?, eu entendo que non.


Coido que é necesaria a presión popular e da cidadanía sobre quen exerce o poder, con independencia do seu signo, que en permanente análise e mobilización realice as accións precisas para impedir os procesos involutivos e negativos do poder.


Mais faise preciso, imprescindíbel cando o poder é contrario ou laso cos intereses sociais, a determinación da acción popular, para poder transformar unha realidade no seu favor que doutro xeito sería imposíbel.


Así temos que opoñernos ao decreto en contra do galego, defender o galego no ensino público, estar en contra da discriminación lingüística.


Pero non podemos deixar de traballar, xa que senón ficariamos derrotados e sen futuro para ser quen de inverter a situación dende a acción directa popular da cidadanía.

A praxe da creación dunha rede popular de ensino dende a súa etapa infantil, que garante os dereitos á educación da nosa infancia, por ser sobor dela onde se exerce a prohibición de feito do uso e o intento de exterminio preciso do galego, é precisa e imprescindíbel.


Nas nosas mans, está.


Coido que as forzas galeguistas, nacionalistas, progresistas,.... logo dun pausado debate darán o seu apoio a cidadanía, na que moitas presumen de ser a súa cerna, achegando medios, e omitindo aplausos.

viernes, 26 de noviembre de 2010

Ou tomamos a iniciativa ou "suicidamos a nosa lingua".

Neste ano pecharon as aulas de galego nas cidades, pecharon as galescolas mudándoas por "galiñas azuis", agóchase o uso do galego como lingua á infancia. Agora queren afogar aos servizos de normalización lingüística (de galego) dos Concellos, pasando duns orzamentos de 801.708 € en 2009, a 397.710 € no 2011 (-50%). Os políticos excluíntes teñen no seu ideario a eliminación das linguas propias (galego...). Non son estas razóns dabondo para apoiar o proxecto (social, sen ánimo de lucro) dunha rede popular de ensino en galego?.

Acaso non hai 3000 ou máis galegos Bos e Xenerosos que queiran “determinarse”, que queiran facer?. É esta cantidade de cidadáns (3000) os necesarios para garantir o inicio e futuro da rede popular de ensino en galego que faga efectivo o dereito á educación da nosa infancia.

Acaso é moito facer un préstamo na vida (dunha única vez), de 100 euros?. É esta a cantidade que 3000 galegos terían que achegar para garantir o funcionamento das escolas, a súa independencia, pluralidade, laicidade e calidade.

Se cadra é un gran esforzo contribuír con 10 euros anuais á Comisión promotora de ensino Galiza co Galego? É esta a cantidade, que os socios achegan como axuda para que a Comisión poida difundir a idea da aprendizaxe en galego, ter actos públicos, manter entrevistas,.... por toda Galiza.

Comisión, por certo que, como no famoso debuxo de Castelao, está en obras e na que hai sitio para todas e todos..

Cumpre ler con xenerosidade o bloque de Galiza co Galego, coas chaves dos nosos Precursores. Matinar nas accións dos nosos emigrantes que mandaron diñeiro para escolas, para o desenvolvemento, que inventaron o himno e música da nosa nación , que fixeron efectiva a (Real) Academia da Lingua Galega, que fixeron presente a nosa lingua o noso ser na escrita, que mantiveron a resistencia. Eles ademais de manifestarse, facían.

A lingua da infancia, a lingua materna, adquírese nos primeiros anos, e tamén perdese. É na infancia onde a aprendizaxe marca a personalidade do Ser, onde pola nosa lingua, a nosa paisaxe, o noso clima, por toda a nosa contorna, facémonos galegos.

Reparade pois na importancia do proxecto da rede popular de ensino, na súa etapa infantil na que se está a traballar en Galiza co Galego para que funcione a partires do vindeiro ano 2011.

Galiza co galego vai en 2175 apoios, desexos de que se faga ensino en galego, pero necesita 3.000, 4.000, 5.000, ..., precisa de todas as Boas e Xenerosas persoas da Nosa Terra.

Galiza co Galego non pertence a ningunha organización, está a disposición de todos e todas no seu blogue: http://limiargalego.blogspot.com/


Ferrol 26 de novembro de 2010. Francisco de Limiar.

sábado, 6 de noviembre de 2010

Coma nenos píos con disfrace de mártir /artigo de Fran P. Lorenzo

Artigo censurado pola dirección empresarial de Galicia Hoxe propiedade da Editorial Compostela, dona tamén do “Correo Gallego” que distribuíese en Galicia en conxunto co diario El Mundo.


Coma nenos píos con disfrace de mártir

Fran P. Lorenzo

As minorías, sempre despreciadas por Feijóo, van sufragar cos seus cartos a diatriba papal
Despois de séculos de dominación, a Igrexa Católica aínda non se decatou de que o sincretismo relixioso que practica a galega xente non é un estrago calculado da súa doutrina apostólica e romana senón unha creación propia e singular deste pobo, unha máis. Santiago de Compostela é, nese sentido, un fecundo resultado da batalla histórica entre a ortodoxia vaticana e o paganismo local. Tamén o Camiño. Por iso todas as tentativas de reducir a espiritualidade dese roteiro á expresión unívoca dunha suprema fe en Deus son unha manobra avesa, calculada, para capitalizar un símbolo cultural e humano de Europa, patrimonio de todos así recoñecido. Neste sentido a visita do papa Bieito XVI a Compostela deixa fóra desta celebración aos milleiros de cidadáns que non profesan a relixión católica nin lle teñen lei a un dos patriarcas eclesiásticos que máis ten feito por estigmatizar e arredar do seo da Igrexa aos que non asumen a súa fundamentalista visión da fe e as súas teses retrógradas e lesivas, alérxicas ao tempo no que vivimos.

O desembarco papal non iría máis alá da descortesía política coas minorías que non o aturan a súa presenza se non fora porque esas minorías –máis ou menos masivas, pero sempre despreciadas por Núñez Feijóo– contribúen cos seus cartiños a sufragaren a inminente diatriba papal, disfrazada de mensaxe de amor.

O pasado domingo, nos diferentes oficios celebrados nas parroquias galegas, os cregos xa lle esixiron á freguesía o correspondente imposto revolucionario. A golpe de cepillo, como adoitan facer. Poida que a vontade das ovellas fora substraída polos seus pastores pero ese, sinceramente, non é problema dos que non pertencemos á secta; menos aínda daqueles que nin sequera aspiramos a mudar o eivado rumbo moral da institución. Se os practicantes queren poñer dez euros ou vinte do seu peto para avalaren a operación de márqueting da Xunta de Galicia e coroar un Xacobeo só grande en cifra de turistas, pois adiante. Pero non é admisíbel que ese saqueo millonario das arcas públicas se produza sin consulta previa, amparándose no suposto beneficio que lle reportará á cidade de Santiago a invasión das hordas católicas .

Haberá máis efectos colaterais no decorrer desta visita fetichista e pirotécnica do Papa. A suspensión do espazo civil, a clausura da libre circulación e o desenvolvemento dun estado de sitio efectivo, entre eles. Controis policiais, restrición do tráfico e rexistros domiciliares, incluídos, que afectarán singularmente a todas e todos aqueles cuxa vontade e albedrío van ser vulnerados en aras dun rédito político que, con iso contan os organizadores do sarao, beneficiará a todos os persoeiros que teñan acceso á fotografía oficial.

O alleamento da Igrexa Católica é un feito e velaquí temos un Goberno que subvenciona as proclamas delirantes e as bombas de racimo dialécticas da Conferencia Episcopal Española. Os bispos, os que concelebrarán a eucaristía express do Obradoiro, pedíanlle onte os cativos que na noite de Halloween –o Samaín céltico, a véspera de Todos os Santos– vistan precisamente de idem, de santos, e non de meigas, nin de zombies, nin de caveiras, para "estimular" a vida cristiá e loitar contra o profano desta celebración tan pouco pedagóxica. Propoño outros estilismos ben máis edificantes e píos: unha Santa Águeda cos peitos cortados encima dunha bandexa, unha virxe romana violada, un San Lourenzo con queimaduras de terceiro grao, ou un San Sebastián, cuberto de plasma e de saetas. Se é certo que o sangue dos mártires é semente da vida cristiá, non sei a que agardan eses pequenos para se sumaren á festa.

miércoles, 4 de agosto de 2010

É Tempo de facer, de pór mans a obra, ensino en galego.

É Tempo de facer, de pór mans a obra, ensino en galego.

En 1978, en decembro, votase a constitución do reino de España, ábrese a porta de que o galego sexa oficial en Galicia se así determinase no estatuto.

En 1979, referendo dos estatutos de autonomía de Catalunya e Euskadi, participan máis do 59%.

En 1980, en Catalunya e Euskadi nas primeiras autonómicas o voto procastelán-español foi sobre do 13%.

En 1980, decembro, referendo para aprobación do estatuto de autonomía, “a lingua propia de Galicia é o galego”, participa o 28,27%.

O 23 de Febreiro de 1981 prodúcese o golpe de estado, coñecido como 23 F, en contra da constitución e o estado das autonomías.

En outubro de 1981, na Galiza ca pantasma da represión franquista, nas primeiras eleccións ao parlamento galego, o voto as posturas españolas antigaleguistas, supón sobre do 60%.

Entre 1975 a 1981, a maioría da poboación consideraba o galego como residual e secundario, senón un dialecto do castelán (na teoría franquista), e que na política era utilizado case en exclusividade polo nacionalismo de esquerdas.

Eu teño o convencemento, e a certeza (a falar noutro tempo) de que si for posíbel si faríamos, na década dos anos 80, unha aposta polo ensino privado autorganizado e popular en galego.

A defensa da lingua realizada polo nacionalismo deu como resultado a recuperación da lectura e a escrita, pese a debates normativos.

Mais o fundamental non está na lectura e a escrita, o latín e grego son linguas mortas que pódense ler e escribir.

Non fai falla ter estudos de sociolingüística para concluír que a perda da transmisión oral dunha lingua supón a súa morte. A dereita excluínte do reino de España, sabe que cos medios de comunicación impídese o espazo ao galego, e que ás crianzas se lles manipula, vende e fala maioritariamente en castelán.

Resta dicir que estanse a perder falantes, primeiros falantes (as crianzas), de xeito debidamente planificado polo sector unionista español, que usa a escola en Galiza (pública e privada) para limpar calquera uso do galego, e impor o castelán.

A educación infantil pública, impulsada dende o galeguismo, (proxecto de galescolas, e inmersión lingüística nas cidades), na cal a lingua da infancia era o galego, no breve tempo que durou, supuxo a vivencia, e a recuperación de falantes.

Esta situación non foi do agrado dos impositores do castelán, que utilizaron todos os seus recursos mediáticos para recuperar o poder político e pechar os espazos en galego e as galescolas.

Cerca do 65% dos Pais e Nais (na enquisa trampa do PP) manifestaron que queren que os seus fillos aprendan a ler e escribir en galego.
Un mal resultado para a dereita española que tenta amañar impoñendo cunha pregunta (¿en que lengua le habla al niño?) ás familias a súa lingua castelá.
Pretende ademais, esta dereita, usar ás familias no ensino para impor a toda a cidadanía, como lingua propia (principal) de Galiza, o castelán.

Así convén non esquecer que o ensino público, sostido co diñeiro da cidadanía, está dirixido pola maioría política e económica gobernante, no caso en Galiza a dereita do reino de España.

Por elo e ante a imposibilidade de que haxa un ensino público en galego, agroma unha iniciativa privada, sen ánimo de lucro, de ámbito social, laico e popular: Galiza co Galego.

Por riba da forma da empresa de ensino ou a súa titularidade, está o dereito a educación das crianzas, os dereitos da cidadanía que desexa que os seus fillos/as aprendan en galego.

A educación non é un dereito que se poda postergar, adiar, exercer pasado un tempo, xa que non é doadamente recuperábel. As crianzas aprenden dende que nacen, non agardan a ter os dereitos, teñen que acomodarse ao momento.
Así non son estes dereitos (da educación) como aqueles de indemnización por despido, ou por expropiación forzosa.

Os dereitos das crianzas non poden nin deben agardar, este é tempo de facer, de por mans a obra como dicía Castelao.

Mais de 1800 galegas e galegos teñen dado o seu apoio a idea de Galiza co galego, porque é un proxecto de ensino plural, sen ánimo de lucro, popular, laico, social, democrático, integrador, transparente, transformador, universal, de traballo, de valores, de futuro.

Nota:
Este artigo, foi enviado ao
voceiro dixital Terra e tempo e quer ser o contrapunto ( exercendo o dereito de réplica) do artigo que co título: Ensino "popular" e "privado": conceptos irreconciliábeis. Ensino "universal" e "público": demandas irrenunciábeis. O galego na escola que o Sr. Robert Neal publicou neste medio.